Quatro micro relatos de terror (passados na Galiza)

5
(4)

Os alunos do Colexio Aurelio Marcelino Rey Garcia partilharam connosco os seus microrrelatos de terror.

Unha vinganza aterradora

Abriu os ollos e viu o estraño ser que o asexaba dende a porta da clase. Manolo, o conserxe, non reaccionaba do medo que tiña, xa que lle pareceu ver a Paco, o antigo conserxe. Paco quería vingarse de Manolo, porque se xubilaba e deixaba para sempre este traballo no colexio de Cuntis.

Manolo pensou que eran cousas da súa imaxinación e decidiu ir tomar o seu café á cafetaría. Cando chegou, viu un teléfono vello e cheo de po. Mirouno intrigado. Tan pronto como o fixo, comezou a soar. Manolo decidiu contestar a chamada. Dende o outro lado do fío, oíu unha voz familiar que lle dicía : “ A tortura acaba de comezar ”.

E nese momento …

Ainara Marque Fontenla , 1º ESO


 

Sorrí

Antes de saír para o colexio, acheguei o meu rostro ao espello. Sempre coa mesma cariña, triste e apagada; aínda non sei moi ben cando foi o día e o momento en que a soidade tocou a miña porta.

Collín o sombreiro e fun directo ao colexio. Observei unha bonita e fermosa flor. Alí, pousaba unha avelaíña. Era de cor negra e fría. Gustábame. Que significa? Non o sei, pero encántame. Na clase, atopábame moi mal, pedín ir ao baño, estaba fatal. Vomitei algo de sangue. Observei o meu ombro.

Tíñache a ti, doce avelaíña; mireime ao espello. Dende que viñeches ti, atopábame mellor. Un gran sorriso invadiu o meu corpo. Só foron dous segundos. 1, 2 e… paf! Sesenta mensaxes, número descoñecido “Sorrí”, nin caso, sen comentarios. De repente, escoitei unha caixa de música. As notas eran soidade, precisas e… Doce e fermosa avelaíña negra “Que bonita es!”. Cen mensaxes “Sorrí”.

“Sorrí”. “Sorrí”. Non sei, non recordo, quen son? Xián, son Xián.

Como acabaches nesa madeira enterrado?

Paulina Blanco González, 1º ESO


 

A habitación do terror

O corredor do colexio estaba en penumbra. Manolo, o conserxe, estaba a piques de marchar. A noite achegábase e, de súpeto, Manolo escoitou algo. Era un ruído forte e raro e, ao mesmo tempo, sorprendente. O home aproximouse ao lugar de onde proviña, unha habitación ao lado do salón de actos que sempre estaba pechada.

Abriu a porta, pero non viu nada estraño, mais puido percibir un lixeiro movemento aos lados da estancia, entre uns obxectos… Era un gato que se coara pola ventá. O conserxe botouno fóra e pechou todo de novo. Para a súa sorpresa, o ruído estraño continuaba. Era algo moi raro. Xa lle falaran desa habitación que sempre permanecía pechada porque ocorrían cousas estrañas, pero el non se deixaba levar por lendas de vellos. Así que volveu abrir o cuarto e o que alí viu desta vez ninguén o pode imaxinar. Era algo aterrador.

Dende aquela, Manolo xa non é a mesma persoa falangueira que todos e todas coñecemos. E isto non acabou aquí…

Adam Arca, 3º ESO


 

Noite no baño do colexio

O corredor do colexio estaba en penumbra. Manolo, o conserxe, regresara alí en plena noite a por uns papeis que esquecera. Cando estaba a punto de saír, escoitou un ruído que proviña da planta superior. Impulsado pola intriga, colleu o ascensor e subiu. O son proviña do baño, era un son mollado, rouco e descontinuo, como o que fai un porco cando come.

Manolo entrou no baño, abriu a porta, pero non viu nada. Cando mirou para arriba comenzou a correr. Un animal xigante, parecido a un gato, corría detrás del. Chegou a saída, pero a porta non abría e comenzou a golpeala ata que non puido máis.

Izan Barros Nortallo, 3º ESO.

Gostaste desta publicação?

Deixa a tua votação! Ou se quiseres, comenta abaixo.

Média das votações 5 / 5. Vote count: 4

Ainda sem votos. Queres ser o primeiro?

Ai é?

Segue-nos nas Redes Sociais